venres, 15 de decembro de 2017

domingo, 26 de novembro de 2017

UNHA NOVELA GRÁFICA CONTRA O MALTRATO

O 25 de novembro foi o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, e dende este blogue queremos realizar a nosa pequena aportación aconsellándovos a lectura de Quiéreme bien, un cómic autobiográfico no que a autora, que se agocha baixo o seudónimo de Rosalind B. Penfold para evitar as posibles represalias da súa antiga parella, relata en viñetas o pesadelo que viviu tras coñecer a Brian, un viúvo con catro fillos que en pouco tempo pasou de ser o home ideal a un monstro que converteu a vida da autora nun inferno.

A propia Rosalind adiántanos no prólogo a súa terrible experiencia con Brian:

No meu caso, non me decatei enseguida do que estaba a pasar porque os abusos viñan envoltos en palabras de amor e non pensei que tantas atencións, tantas chamadas telefónicas, tantos románticos "Quérote" fosen os primeiros indicios do mal. Soamente cando me tivo no seu poder, namorada e disposta, Brian pouco a pouco comezou a anularme, a me tratar coma se eu fose un simpre obxecto para o seu uso e goce. Ao primeiro eu dubidaba e non quería interpretar os seus xestos coma un abuso, pero a medida que pasaban os meses sentín coma toda eu ía minguando, ata case desaparecer.

Agora botade un ollo as viñetas, coñecedes alguén que estea a pasar por situacións parellas?


BINOMIOS FANTÁSTICOS

O binomio fantástico é un dos conceptos clave dos que fala o noso admirado Gianni Rodari na súa Gramática da Fantasía. Consiste no encontro casual de dúas palabras que no uso cotián non soen relacionarse pero que xuntas poden dar lugar a unha historia. Antía, Iván, Yaiza e Carlos extraeron cada un dous substantivos ao chou agochados nun sobre.  Os resultados foron xeniais.
              
                                           ANTÍA.  CARACOL + CHOCOLATE


IVÁN. LÓSTREGO + CALENDARIO

YAIZA. RELOXO + CARBALLO

CARLOS. CIMO+MAZÁ

                                           

MEMES E LITERATURA

O termo meme apareceu por primeira vez no ano 1976 no libro O xen egoísta do británico Richard Dawkins que o definía coma unidade teórica de información cultural, transmisible dun individuo a outro ou dunha mente a outra ou dunha xeración á seguinte. Actualmente é un termo utilizado en Internet para describir un formato audiovisual que permite expresar e transmitir de forma viral unha idea a través das redes sociais, noticias, blogues e outros servizos.

Os memes máis habituais son os humorísticos pero tamén son un material moi bo para traballar a expresión escrita combinando unha imaxe que interactúa cun texto brevísimo. Cos memes literarios podemos traballar os recursos estilísticos (xogos de palabras, dobres sentidos, a ironía, hipérboles, metáforas..), a elipse e a síntese (esíxese moi pouco espazo), a rima así como aspectos da vida e obra dos autores en clave humorística.

Iso mesmo fixeron os alumnos e alumnas de 4º de ESO cos autores do Grupo Nós. A ver se sodes quen de responder as preguntas...


 Autores: Pablo e Martín


A que divertida novela de Vicente Risco se fai referencia neste meme?






 Autoras: Tania e Carla


Como se chama o personaxe da dereita, protagonista dun dos relatos de Cousas de Castelao? Lembras o argumento da historia?
Quen ilustraba os seus relatos?






Autores: Brais e Álex.



Un excelente xogo de palabras baseado no apelido do fundador do Grupo Nós.















Non podía faltar... De que obra forma parte o relato ao que fai alusión Julio Iglesias? Quen é o seu autor? É realmente filla de
Julio Iglesias?

Autores do meme: Pablo e Martín.







 Autores: David e Ian.

Neste meme alúdese a un dos temas preferidos por Vicente Risco  Revisade a súa vida e obra.










Ademais de na literaria, en que outras facetas brillou Castelao? Por que aparece tan serio cando di que era médico?

Autoras do meme: Vanesa, Verónica e Ainoa.





luns, 26 de xuño de 2017

Argumentemos...


Propóñovos para analizar un texto argumentativo este artigo de opinión titulado O gallego que falo é o da casa. Lembrade o que tedes que identificar:


Elementos básicos:

·        Tese: a idea ou opinión que defende o argumentador.


·        Argumentos: procedementos lingüísticos que o emisor utiliza para convencer ao destinatario.
l
Estrutura:
·        Introdución: presenta o tema e tenta crear unha situación favorable para que o receptor acepte a tese que se vai defender.
·        Corpo argumentativo: consta de dúas partes, unha expositiva (enuméranse os feitos e os datos –premisas- para que o receptor coñeza a tese) e a argumentación propiamente dita (cítanse os argumentos que favorecen a tese e que rexeitan (refutan) a postura contraria, se a houbese.
·        Conclusión: faise un resumo do máis importante para reforzar os argumentos empregados.

Como teñen que ser? Variados, concretos e axeitadosSempre apoiados con datos obxectivos

Tipos de argumentos:  botade unha visual ás fichas sobre o tema. Son doados de identificar.


                                                 
    
         

mércores, 21 de xuño de 2017

NOVO NÚMERO DE "PETISCOS"

Desta volta o ENDL encargouse de coordinar por completo o número 8 (ou 7 Bis, despistes...) de Petiscos, a revista escolar do IES Fonmiñá. Coma nos números precedentes mantén o seu espírito multidisciplinar, só que desta volta os contidos están integramente en lingua galega. Moitas grazas aos compañeiros e alumnos que colaboraron con artigos, reseñas e material, grazas tamén ás ilustradoras. Premede no título da revista se queredes vela en liña. Quedou ben guapa...

mércores, 15 de marzo de 2017

CHAPA galego!

É o lema dunha pequena campaña que organizamos dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Fonmiñá. Deseñamos unhas chapas para a ocasión e repartímolas entre os membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, antigo alumnado, persoal non docente, pais e nais membros do Consello Escolar, etc.) e tamén as mandamos entre outros sitios, aos CEIP do municipio, ao Concello e á Biblioteca Municipal. Tiveron moito éxito e fixemos uns vídeos. A ver que vos parecen: CHAPA galego 1 on PhotoPeach CHAPA galego 2 on PhotoPeach

luns, 20 de febreiro de 2017

O Suso



É o título dun relato de Xosé Luís Méndez Ferrín, mestre vivo da nosa narrativa actual. Forma parte do conxunto titulado O crepúsculo e as formigas, publicado en 1961. Queredes saber algo máis sobre este rapaz chamado Suso? Velaquí tedes a ligazón para entrardes na súa historia e ineractuar cos seus protagonistas. Que o pasedes ben.

https://goo.gl/forms/nvqjqyL9amJUdkv12

xoves, 16 de febreiro de 2017

# RosalíaTe Mannequin Challenge

Co gallo do aniversario do nacemento da nosa autora galega máis internacional - 24 de febreiro-a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) propuxo aos centros de ensino galegos una serie de actividades para honrar a Rosalía de Castro. Para os centros de ensino secundario a idea foi a realización dun mannequin challenge que recrease a obra ou a figura da escritora. Os rapaces e rapazas de 1º de ESO apuntáronse á proposta e fixeron un mannequin libremente baseado no seu célebre poema "Pra a Habana!". O de ficar quietiños, o peor...


luns, 13 de febreiro de 2017

O Bieito vai vivo?

Sobre da morte de Bieito é o relato máis coñecido do magnífico conxunto de narracións breves publicadas polo rianxeiro Rafael Dieste no ano 1926 baixo o título de Dos arquivos do trasno.  Dende o comezo até o remate a historia mantén en tensión ao lector.
Propóñovos esta actividade para metervos no pelexo do protagonista e poñer a proba a vosa intuición e comprensión lectora. Adiante!

https://goo.gl/forms/jaBih4VpOivOfUa92

Ilustración de Luís Seoane feita para o relato.

xoves, 2 de febreiro de 2017

# Grazas, Agustín.

Con esta etiqueta subimos a youtube e á web do IES Fonmiñá uns vídeos nos que alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º de ESO comentan as súas impresións sobre algunhas das obras do recordado Agustín Fernández Paz, un dos escritores máis queridos e laureados da literatura para xente nova en lingua galega. Esta é a nosa homenaxe para alguén que marcou a toda unha xeración de lectores. Grazas, Agustín.