luns, 21 de maio de 2018

CORRELINGUA 2018, A LINGUA NON PARA!

Con esta preciosa pancarta realizada polos alumnos e alumnas de 3º de ESO, festexamos a maioría de idade oficial do Correlingua cuxo lema foi este ano, A lingua non para! Unha edición moi, moi especial, ben sabedes o motivo...
Que nada e ninguén pare a nosa lingua!

mércores, 2 de maio de 2018

BOLETÍN ROSALIANO


Velaquí tedes un cuestionario no que tedes que ler e analizar algúns dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro. Aproveitade as presentacións que preparastes e o material que xuntastes en Pinterest como axuda para realizalo. 
Premede na palabra cuestionario e comezade. Non esquezades envialo!

luns, 23 de abril de 2018

OS SÉCULOS ESCUROS

Para que vos fagades unha idea rápida e clara sobre esta etapa da historia da nosa lingua e cultura realizamos este vídeo estupendamente narrado coas voces dalgúns alumnos e alumnas de 3º de ESO. A seguir teredes que responder a este cuestionario. Que vos preste!


luns, 16 de abril de 2018

TEST CUNQUEIRIANO

http://www.cifpcarlosoroza.es/?p=319

Canto sabedes sobre o xenio literario de Álvaro Cunqueiro?

Comprobádeo neste quid e divertídevos.

venres, 16 de febreiro de 2018

Xa temos o nº 9 de PETISCOS!

Xa saíu o número 9 da nosa revista escolar Petiscos! Desta volta é unha revista 100% literaria e creativa e esperamos que vos guste. Temos moitos talentos artísticos e literarios agochados no instituto e nós sen sabelo... 🎨📝 Moitas grazas aos compañeiros e compañeiras que colaborastes na revista, facilitando material, analizando unha obra literaria ou na coordinación dalgúns traballos. Desexamos que o pasedes moi ben léndoa. De momento podédela ver en liña. De cara á primavera 🌷🌹🌻🌼 teremos as edicións impresas.

luns, 15 de xaneiro de 2018

Ilustramos a Amado Carballo

























Verónica Luna Méndez, de 4º de ESO foi a primeira en animarse a ilustrar un poema. Aproveitando que estabamos co tema das avangardas galegas, realizou esta versión acrílica do poema Lúa de Luís Amado Carballo, igual que o apelido da artista.
Quedoulle precioso.

A Lúa é velliña,
de brancos cabelos
de enrugas de ouro                           
e de olliños cegos.

Érguese do leito 
das foulas do mar
palpando os espazos
para camiñar.

Anda polo mundo
sen ver a onde vai                                      
pois as estreliñas
lévana da man.

Envolveita en néboas
hase de abrigar
pois como vai vella
tense que coidar.

Cando na outa noite
brúa o temporal
a lúa entre as tebras
tápase a tremar,

E así que o mal tempo
amainando vai
asoma a faciana
e espalla o luar.