luns, 23 de abril de 2018

OS SÉCULOS ESCUROS

Para que vos fagades unha idea rápida e clara sobre esta etapa da historia da nosa lingua e cultura realizamos este vídeo estupendamente narrado coas voces dalgúns alumnos e alumnas de 3º de ESO. A seguir teredes que responder a este cuestionario. Que vos preste!


luns, 16 de abril de 2018

TEST CUNQUEIRIANO

http://www.cifpcarlosoroza.es/?p=319

Canto sabedes sobre o xenio literario de Álvaro Cunqueiro?

Comprobádeo neste quid e divertídevos.

venres, 16 de febreiro de 2018

Xa temos o nº 9 de PETISCOS!

Xa saíu o número 9 da nosa revista escolar Petiscos! Desta volta é unha revista 100% literaria e creativa e esperamos que vos guste. Temos moitos talentos artísticos e literarios agochados no instituto e nós sen sabelo... 🎨📝 Moitas grazas aos compañeiros e compañeiras que colaborastes na revista, facilitando material, analizando unha obra literaria ou na coordinación dalgúns traballos. Desexamos que o pasedes moi ben léndoa. De momento podédela ver en liña. De cara á primavera 🌷🌹🌻🌼 teremos as edicións impresas.

luns, 15 de xaneiro de 2018

Ilustramos a Amado Carballo

























Verónica Luna Méndez, de 4º de ESO foi a primeira en animarse a ilustrar un poema. Aproveitando que estabamos co tema das avangardas galegas, realizou esta versión acrílica do poema Lúa de Luís Amado Carballo, igual que o apelido da artista.
Quedoulle precioso.

A Lúa é velliña,
de brancos cabelos
de enrugas de ouro                           
e de olliños cegos.

Érguese do leito 
das foulas do mar
palpando os espazos
para camiñar.

Anda polo mundo
sen ver a onde vai                                      
pois as estreliñas
lévana da man.

Envolveita en néboas
hase de abrigar
pois como vai vella
tense que coidar.

Cando na outa noite
brúa o temporal
a lúa entre as tebras
tápase a tremar,

E así que o mal tempo
amainando vai
asoma a faciana
e espalla o luar.


venres, 15 de decembro de 2017

domingo, 26 de novembro de 2017

UNHA NOVELA GRÁFICA CONTRA O MALTRATO

O 25 de novembro foi o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, e dende este blogue queremos realizar a nosa pequena aportación aconsellándovos a lectura de Quiéreme bien, un cómic autobiográfico no que a autora, que se agocha baixo o seudónimo de Rosalind B. Penfold para evitar as posibles represalias da súa antiga parella, relata en viñetas o pesadelo que viviu tras coñecer a Brian, un viúvo con catro fillos que en pouco tempo pasou de ser o home ideal a un monstro que converteu a vida da autora nun inferno.

A propia Rosalind adiántanos no prólogo a súa terrible experiencia con Brian:

No meu caso, non me decatei enseguida do que estaba a pasar porque os abusos viñan envoltos en palabras de amor e non pensei que tantas atencións, tantas chamadas telefónicas, tantos románticos "Quérote" fosen os primeiros indicios do mal. Soamente cando me tivo no seu poder, namorada e disposta, Brian pouco a pouco comezou a anularme, a me tratar coma se eu fose un simpre obxecto para o seu uso e goce. Ao primeiro eu dubidaba e non quería interpretar os seus xestos coma un abuso, pero a medida que pasaban os meses sentín coma toda eu ía minguando, ata case desaparecer.

Agora botade un ollo as viñetas, coñecedes alguén que estea a pasar por situacións parellas?


BINOMIOS FANTÁSTICOS

O binomio fantástico é un dos conceptos clave dos que fala o noso admirado Gianni Rodari na súa Gramática da Fantasía. Consiste no encontro casual de dúas palabras que no uso cotián non soen relacionarse pero que xuntas poden dar lugar a unha historia. Antía, Iván, Yaiza e Carlos extraeron cada un dous substantivos ao chou agochados nun sobre.  Os resultados foron xeniais.
              
                                           ANTÍA.  CARACOL + CHOCOLATE


IVÁN. LÓSTREGO + CALENDARIO

YAIZA. RELOXO + CARBALLO

CARLOS. CIMO+MAZÁ