venres, 26 de febreiro de 2016

Unha de microrrelatos

Nesta presentación veredes unha pequena introdución teórica sobre o concepto do microrrelato e a seguir, unha pequena selección de microcontos realizados polos meus alumnos e alumnas durante estes anos. Espero que vos gusten.  

mércores, 24 de febreiro de 2016

Dez razóns para desertar da III Guerra Mundial

"A música militar nunca me soubo erguer". Georges Brassens

A guerra é incompatible coa paz e como os meus alumnos son xente de ben, déronme 10 razóns para desertaren dunha posible III Guerra Mundial:


  • A cor do uniforme non pega coa cor dos meus ollos.
  • Obedecer nunca foi o meu.
  • Miña nai vaime dar unhas cachetadas se sabe que vou.
  • O fume faime esbirrar.
  • Prefiro saltar á comba que saltar polos aires.
  • Quero mellor un bombón ca unha bomba.
  • Son moi nova para morrer nova.
  • Sábenme máis os polvoróns que a pólvora.
  • Teño as balas atravesadas.
  • Non me gusta contar batalliñas.



  
Vídeo de Gila en https://www.youtube.com/watch?v=4NkaGhMtIF0

mércores, 10 de febreiro de 2016

Descenso preocupante do uso do galego entre a xente nova.




Segundo unha enquisa realizada polo IGE no ano 2014, tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante, o mesmo dicimos de dúas de cada tres persoas entre 15 e 29 anos. O galego xa é só maioritario entre os maiores de 50 anos.

Estamos a falar nada menos que dunha caída nos últimos anos, de once puntos (do 26% ao 15%) dos galegofalantes habituais entre 5 a 14 anos, tal como salientou a asociación Prolingua.


A Mesa pola Normalización Lingüística sinala que os datos aportados polo IGE son un "reflexo da situación na que se atopa a lingua na sociedade" e "o resultado de anos de incumprimentos e ataques ao galego por quen ten a obriga legal de defendelo". A Mesa responsabilizou deste escenario á política lingüística aplicada, "consistente en ter un certo corpo legal que despois non se aplica".


O escritor Xabier P. Docampo no seu artigo "Non falan porque non saben", culpa desta situación ao decreto do plurilingüismo da Xunta do ano 2009, que pillou a eses mozos e mozas cando tiñan 5 anos e que hoxe son castelanfalantes, non porque prefiran o castelán ao galego, senón porque simplemente non saben falar o galego.
                                                 

 

Xa que logo, e á vista da falta total de apoio institucional está nas nosas mans que o galego dure mil primaveras máis.





Vídeo de youtube de Loli Cid. "Mil primaveras máis" 
Viñetas de Xaquín Marín tiradas de http://edelingua.blogspot.com.es/p/vinetas-pola-lingua.html e 
                                       

martes, 9 de febreiro de 2016

Unha receitiña para ser profesor/a hoxe...


Imos aló! 



                                      INGREDIENTES                                           
120 grs de creatividade      
80 grs de vocación
5dl de método
½ quilo de paciencia
3 culleradas de claridade
Raspas de retranca
½ quilo de ilusión
3 follas de firmeza
2 culleradas de sorriso afable.

PREPARACIÓN
Nun centro educativo de Galiza, cuxo nome  non debe importar, botamos  toda a VOCACIÓN, e por riba dela,a PACIENCIA  mesturada  coa RETRANCA , a CLARIDADE, o MÉTODO, e mais a FIRMEZA  esluída no SORRISO AFABLE.

A  seguir imos colocando a CREATIVIDADE derredor do centro educativo e despois recubrimos todo  coa ILUSIÓN.

Deixamos arrefriar a preparación un tempiño para adquirir  OFICIO. 

CONSELLOS DA CHEF

  • Para  manter a ILUSIÓN recubrímola con xelea caseña de  ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS  E EXTRAESCOLARES.
  • A FIRMEZA ten que ser da mellor calidade, caso contrario, o/a  profesor/a  esmorece axiña. Non escatimemos nela! 
  • Evitar edulcorantes artificiais como a  PALABRERÍA PSICOPEDAGÓXICA  baleira de contido.
  • Se a receita non sae as primeiras veces ou en calquera outro momento,  aumentaranse as doses de  PACIENCIA e de SORRISO . En casos de papás e mamás  rallantes ou compañeiros nugalláns e resabiados , unhas raspiñas máis de RETRANCA son perfectas. 



                                     BO PROVEITO!

Imaxe tirada de https://www.pinterest.com/claudiaribeirao/chefs-de-cuisine-images-works-cross-stitch-etc/
Vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=YXuB6md9zPk   
Revista retranca: aretranca.blogspot.com.es