xoves, 18 de agosto de 2016

LECTURAS DE VERÁN

...aptas para todo o ano. Como no verán é cando máis leo fago a reseña con este título, non porque os libros que menciono sexan especialmente recomendados para esta estación. Espero convencervos para que leades algún, pagan todos a pena.

Lucia Berlin (sen tilesss, é norteamericana!) é unha grandísima escritora
redescuberta agora, doce anos despois da súa morte no esquecemento máis absoluto. Non xulguedes o libro enteiro polo título, que pertence a un dos fabulosos 77 relatos que forman parte desta compilación. Son historias curtas, con personaxes ao límite, algunhas durísimas, que a autora relativiza con humor e ironía. Están baseadas na súas propias vivencias dende a infancia até a madurez e ela mesma protagoniza algunhas delas. Lucia Berlin coñecía e falaba moi ben o español porque polo traballo de seu pai, enxeñeiro de minas, pasou a adolescencia en Chile entre outros lugares. A súa vida estivo marcada por tres matrimonios fallidos, polos lugares nos que residiu -El Paso, Nova York, California, México DF, Idaho...-,  polo alcolismo, e polas difíciles relacións coa súa tamén difícil familia. Desempeñou varios oficios para manter aos seus catro fillos: limpadora, telefonista, enfermeira, profesora de escritura en varias universidades e no cárcere. Malia as súas vivenzas e excesos foi unha muller dunha enorme cultura e sensibilidade literaria. Convídovos a que o comprobedes. Grazas, Lucia, por acurtarme as viaxes de ida e de volta do tren Lugo-Madrid e os longos traxectos no metro da capital!  Nota: *****

 Topeime tamén con esta inquietante novela gráfica do autor francobrasileiro Matthias Lehmann, merecidamente recoñecida no festival de Angoulême, o máis prestixioso no mundo da banda deseñada. Conta a historia de Constance, unha nena orfa que vive recluída entre os muros dunha impoñente mansión vida a menos, ao coidado dos seus avós, unha vella sádica e dominante e un vello miñaxoia alcolizado. A chegada dunha familia portuguesa rompe coas estrañas rutinas da casa e Constance -e os lectores- comezamos a descubrir terribles segredos que non penso revelar. As "tracas" finais resérvanse para as derradeiras páxinas, o que fai que a historia se descompense un pouco. As imaxes teñen moita potencia e lembran moito aos filmes góticos. Altamente recomendable. Nota: ****

Eu adoitaba ler as historias de Celia cando tiña 11 e 12 anos. Encantábanme, especialmente os dous primeiros libros, Celia, lo que dice e Celia en el colegio, que contaban as trasnadas e ocorrencias dunha nena dunha familia ben do Madrid de finais dos anos 20 e comezos dos 30 pero que hoxe en día se len co mesmo gusto. A autora, Elena Fortún, escribiu varios libros máis de Celia pero daquela non me interesaron tanto. Eu era máis de ler e reler o que me gustaba.
Desta volta, a Guerra Civil estraga a acomodada vida dunha Celia xa mociña que vai sufrir en persoa a fame, o frío, a morte de seres queridos, os bombardeos, a separación das súas irmás e de seu pai, para rematar embarcada rumbo ao exilio americano, igual que a autora, Elena Fortún, que tamén foi testemuña dos horrores da guerra en Madrid.
Celia en la revolución  foi unha novela que estivo "misteriosamente" desaparecida durante moitos anos ata que foi reeditada este ano. O estilo é sinxelo e moi realista. O que máis me gustou foi a frescura dos diálogos entre os personaxes que dan moita axilidade e credibilidade á narración e amosan o xeito de falar, os costumes e a mentalidade da xente da época; o que menos, a voz narradora de Celia, ás veces, un chisco melindrosa e algunhas incoherencias na trama coas que non me vou enredar aquí. Non é unha novela redonda pero lese moi ben e é ideal para que coñezades de perto, baixo a perspectiva dunha rapaza da vosa idade, como sufriu a xente nunha guerra cuxas marcas aínda hoxe perviven. Expectativas cubertas! Nota: ***

Fíxenme con estoutra novela gráfica nunha pequena libraría na Calle Embajadores en Madrid. Por que me atraeu? Porque conta con moito humor e realismo o inferno polo que pasan todos aqueles que están a realizar unha tese de doutoramento. A autora do libro, Tiphaine Rivière sabe do que fala, posto que a historia está baseada no seu propio periplo co que moitos sufridos doutorandos se poden identificar: administrativos incompetentes, catedráticos nugalláns e egocéntricos, lambecús, trepas, papeleos interminables, esgotamento físico e mental... En fin, unha historia moi enxeñosa e entretida, que sen ser unha obra mestra da novela gráfica, cumpre o seu propósito. Vaia esta reseña polos amigos e coñecidos que si optaron por facer unha tese, que traballaron arreo, choraron, aturaron, fixeron e refixeron para lograr o cum laude.  Nota: *** e 1/2

Mentres descansaba nos hoteis das longas camiñadas costa arriba e costa abaixo polas rúas de Xénova e das inesquecibles Cinque Terre, seduciume este libro de Richard Ford que consta de tres relatos, narrados baixo a perspectiva dos homes protagonistas que manteñen complexas relacións coas súas esposas, tías, nais ou amantes. A toma de decisións difíciles, o medo e as dúbidas, a decepción, a elección entre estabilidade e aventura,... Ford plantea estas temas con mestría, sen moralinas e xuízos meténdose no pelexo dos protagonistas.
Expectativas superadas! Richard Ford, un gran contador de historias recén descuberto e do que lerei de seguro máis cousas. Nota: ****



O chileno Roberto Bolaño nunca falla nas miñas lecturas nos meses de verán. Sempre caen nestas datas algunhas das súas novelas ou libros de relatos- Los detectives salvajes é unha obra mestra. O libro que cito aquí é unha enciclopedia ficticia de escritores latinoamericanos con ideoloxía nazi e de extrema dereita que afortunandamente nunca existiron. Hai moita crítica política e ironía sutil. Pódevos resultar un chisco difícil polas múltiples referencias culturalistas e se non estades moi familiarizados coa literatura deste autor, pero é que escribe tan sumamente ben!...
Grazas, Bolaño, por facer menos aburridas as esperas nos aeroportos e os voos!  Nota: ****